Entrevista realizada a Jaime Sueiro propietario de la instalación hotelera "Lugar dos Devas", donde actualmente Ceremonias Alternativas celebra sus eventos ceremoniales laicos.
Fuente: GaliciaHoxe.com
Autor: Rebeca Fernández
Fecha de publicación: 12/06/2006
Enlace
Deixou a súa casa situada preto de Lisboa para adentrarse nun proxecto arriscado pero feito dende o corazón: recuperar a aldea galega da que eran orixinarios os seus avós. Con paciencia e tesón, Jaime Sueiro Pardellas mercoulle ós seus parentes sete das dez casas que forman Lugar dos Devas, unha aldea situada en pleno corazón do Covelo (Pontevedra), e reformounas ata dotalas dunha nova vida.
Tras dez anos de duro traballo e coas viviendas xa en pé e limpas de maleza, Lugar dos Devas é hoxe a primeira aldea turística de Galicia, unha nova forma de ocupar o tempo de lecer e desfrutar do noso rico patrimonio natural. De recente creación, esta nova forma de turismo avoga por recuperar e desfrutar a gran riqueza que ofrece o rural galego. Formada por máis de tres inmobles separados por menos de 500 metros e pertencentes a un mesmo propietario, as aldeas turísticas son unha clara aposta pola rehabilitación de espazos singulares.
"A xente en Galicia non se dá conta da riqueza que hai no interior", pensa Jaime, ó tempo que contempla a fermosa natureza virxe que rodea a súa aldea. Namorado da harmonía e a tranquilidade que desprende esa paraxe, este portugués de alma galega afronta con ilusión o reto de axudar os visitantes a recobraren o equilibrio para seguir adiante e desconectar do día a día, sendo estes dous parámetros os dous eixes sobre os que sustenta a súa oferta. Así, ademais do descanso que outorga o contorno, as cinco casas que están en funcionamento ofrécenlle as máximas comodidades ó visitante, xunto cunha ampla e variada carta gastronómica e a posibilidade de practicar ioga ou diferentes artes marciais, das que Jaime é un profesional.
A pesar dos altibaixos de ocupación propios deste sector, Jaime ve como comeza a despegar un soño polo que traballa toda a súa familia. Tras a incredulidade dos veciños que vían como este "tolo" levantaba de novo toda unha aldea, a Jaime quédalle a satisfacción de "dar vida a algo que estaba morto".
As claves:
A oferta desta aldea turística non se limita unicamente ó puro descanso. O obxectivo de Jaime é poñer en marcha uns programas antiestrés, cos que o cliente poida recuperar o equilibrio que o traballo e a cidade vai minando día a día. Para iso, conta cunha sala de relaxación onde impartir ioga e exercicios de respiración ou dar masaxes. "Ensínolle á xente a posibilidade de cambiar na fin de semana. De volver a ter a vida nas mans e poder facer con ela o que queira", afirma. Ademais, o restaurante ofrece un programa alimenticio que complementa os exercicios de relaxación.
Sendeirismo, tapeo e música
A desconexión e o descanso non é o único atractivo que pode atopar a persoa que se achegue a Lugar dos Devas. A paraxe que a rodea invita a descubrir o seu contorno a través de rutas de sendeirismo, que pronto se complementarán con actividades a cabalo. Ademais, coa chegada do verán vai poñerse en marcha un programa de actuacións musicais ó aire libre, que poden combinarse coas saborosas tapas que o restaurante ofrece tanto ó hóspede como ó visitante.
Grupos e actos de empresa
Os principais clientes desta modalidade de turismo rural adoitan ser grupos grandes, xa que Lugar dos Devas ten a capacidade de albergar ata 50 persoas. A ausencia de ruídos e perturbacións foráneas, convérteno no sitio ideal para realizar retiros ou reunións de empresa, ademais de servir de terapia de descanso, especialmente para executivos e xente con grandes cargas. A ausencia de veciños tamén o transforma no mellor establecemento para prolongar a xolda ata ben entrado o día.